A ILP estatal a prol dunha Renda Básica

rbBieito Lorenzo Penela

O pasado día 15 de xaneiro rexistrouse no Congreso a Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) a prol dunha renda básica universal, impulsada polo Movemento contra o Paro e a Precariedade, Renda Básica Xa!.

Comeza deste xeito un camiño que culminará dentro de nove meses, cando se presente o medio millón de sinaturas que hai que recoller en todo o Estado para obrigar ao seu debate na cámara.

O articulado da Iniciativa (que se pode ver íntegra aquí), é o seguinte:

Artigo 1: Dereito á Renda Básica. Establécese o dereito de todo persoa, polo feito de ter nacido, a recibir unha cantidade periódica que cubra as súas necesidades básicas. A Renda Básica constitúese como dereito individual, universal e incondicional.

Disposición transitoria: A contía da Renda Básica será a equivalente ao Limiar da pobreza fixado “no 60% da mediana da distribución dos ingresos por unidade de consumo adxudicados ás persoas”será de 645,33 euros mensuais correspondendo ao último dato exposto por EUROSTAT (ano 2011), tendendo a equipararse nos anos sucesivos ao equivalente do mesmo concepto.

Disposición Adicional Primeira: Aplicación gradual. Establécense dúas fases de implantación da Renda Básica. Unha primeira fase que entrará en vigor de forma inmediata tras a aprobación da presente Lei.
Afectará a todas as persoas domiciliadas no Estado Español e inscritas no Servizo Público de Emprego correspondente a cada territorio, que non teñan cobertura por desemprego nin dispoñan doutros ingresos.
Da mesma maneira afectará a aquelas persoas cuxas rendas, xa proveñan de salarios, subsidios ou pensións públicas, sexan inferiores á contía de Renda Básica prevista neste texto, complementando os mesmos até alcanzar a contía establecida para a Renda Básica. Na segunda fase, regularase a extensión da Renda Básica como dereito universal, integrando pois ao resto de persoas.

Disposición Adicional Segunda: Os poderes públicos promoverán a implantación da Renda Básica no ámbito do Estado Español e da Unión Europea.

E que vén sendo exactamente a Renda Básica?

Ben, pois a renda básica (en adiante RB) pódese definir coma un ingreso regular que permite levar unha vida digna (suficiente), para cada membro da sociedade (universal) de forma persoal (individual) e polo simple feito de ter nacido (incondicional). Estas son as catro características que definen esta figura e a diferencian de outras aparentemente semellantes e, ás veces, co mesmo nome. Nomeadamente as Rendas de Integración, en Galiza RISGA.
En relación a esta definición cabe precisar:

I) Suficiente: Non se trata dunha esmola nin dunha prestación insuficiente como as que estamos afeitos a ver coa Renda de Integración Social de Galiza (RISGA). A cantidade ten que ser abonda para permitir vivir con dignidade. Por outra banda non debe de ser tan elevada como para evitar a
busca de emprego e/ou provocar un forte aumento da inflación (que por outra banda anularía precisamente a súa maior contía). A ILP, como vimos, fíxaa en 645,33 euros

II) Universalidade: Para todas as persoas residentes no territorio. Haberá que buscar o punto de equilibrio entre a defensa do dereito a que o cobre cada persoa e evitar o risco do “efecto chamada” ante os residentes noutros territorios sen renda básica.

III) Individual: Defínese como individual e non familiar (como no caso iraní) nin para a comunidade da que formas parte (tribo, barrio…). É importante para evitar discriminacións por razóns de sexo, idade (mozos ou maiores que residen cos pais/fillos), minorías ou outra causa.

IV) Incondicional: A renda básica parte da desaparición de subsidios condicionados, nomeadamente as Rendas de Integración, o paro de longa duración, as pensións non contributivas, etc. Hai que aclarar que substitúe a esta prestación sempre que esta sexa inferior, en caso de ser superior, cobraríase a prestación e non a RB. Por tanto vaise cobrar sen ningún tipo de condición. Sexas traballador ou non, sexas rico ou non, novo ou vello… (Tan só se limita nos menores de idade)

Renda básica e crise

Non cabe dúbida de que a crise ten xerado máis pobreza e máis exclusión. A estes efectos un recente artigo publicado en Praza, comentaba sobre a situación da crise na Galiza, o seguinte:

“En Galicia hai máis de 270 mil persoas inscritas como demandantes de emprego, e deles máis de 78 mil levan máis de dous anos sen emprego. Máis de 120 mil non cobran nin a prestación por desemprego nin o RISGA, nin ningún outro subsidio. Unha realidade que ten consecuencias. A Enquisa de condicións de vida das familias, publicada polo IGE hai unhas semanas sinalaba que ao longo de 2012 seguiu incrementándose en Galicia a taxa de risco de pobreza, que pasa do 15,73% ao 16,45% e que acumula catro anos consecutivos de ascensos, dende o 13,88% que rexistrou en 2008. Nestes datos, o que máis chamaba a atención era o incremento da incidencia entre os menores de 16 anos (pasaba do 23,96 ao 27,35), nos que teñen entre 16 e 24 anos (pasaba do 29,76 ao 31,69) e nos que se sitúan entre os 25 e os 49 (do 21,45 ao 24,14). O IGE, na súa Enquisa Conxuntural aos Fogares do cuarto trimestre de 2013, sinalaba igualmente que o 44,6% dos fogares galegos recoñecen chegar con “dificultade” a finais de mes, mentres que o 15% asegura facelo con “moita dificultade”.”

Agora ben, por que chegamos a esta situación? Certamente hai un problema de crise-estafa que daría para outra análise, pero coido que, máis no fondo, o problema deriva dun éxito, o das novas tecnoloxías que están facendo que o traballo humano sexa cada vez máis rendíbel, que co mesmo esforzo produzamos moitos máis bens e servizos. De feito isto sucede así dende sempre, como quen di dende que se inventou a roda. A tecnoloxía destrúe continuamente traballo (o que é positivo, indubidabelmente) e postos de traballo (o que parece que non o é tanto), mais ata agora sempre tivemos cara a onde “fuxir” na busca do pleno emprego, así da agricultura á industria e desta aos servizos. Pero agora non hai xa para onde ir. Temos a gran sorte de vivir nunha sociedade na que sobra o traballo para termos bens e servizos de sobra. Logo só farán falla os postos de traballo creativos (ciencia, arte…), organizativos (dirección, intervención…) ou que impliquen relacións persoais (docentes, médicos de familia…).

O que nos queda, por tanto, é adaptarnos ao noso tempo. Se no século XXI vivir ben (con bens e servizos abondos para todos) xa non precisa de traballar tanto nin todos, pois adaptémonos. E esa adaptación é a renda básica.

Financiamento

O tema do financiamento é un dos máis polémicos e por onde se realizan os maiores ataques á Renda Básica. Teño que dicir que, na miña opinión, é tamén un dos máis importantes a tratar.

Antes de nada hai que precisar que a RB financiarase en parte co aforro noutras prestacións. Lembremos que a RB substituirá totalmente a aquelas prestación condicionadas, (paro, risgas, pensións non contributivas…) de contía inferior á mesma, e que as de contía superior pagaranse só no que sobrepasen a esa contía. Isto supón un bo pico. Pero evidentemente non abonda, de onde van saír os demais cartos?

En primeiro lugar debemos entender que a RB, coma todas as prestacións sociais, son políticas redistributivas, de suma “0”, nas que uns ganan e outros perden, polo que o estado, realmente, ocuparía un mero posto de intermediario. Que Emilio Botín ou o Sr. González do BBVA vaian “cobrala” non significa que vaian ganar moito. Sería como aquel señorito andaluz que ante a Reforma agraria da II república amosábase a favor, xa que “co que teño e o que me van dar…”.

E se falamos de redistribuír debemos comprobar se é viábel ou non, quen o soportaría e canto lle costaría.

Neste sentido o estudo máis recente e completo é o realizado por membros de redrendabásica (Arcaróns, Raventós e Torrens) que utilizan como principais medidas a reforma da Renda das persoas físicas e o aforro en subsidios que sumen inferior contía que a RB. (Pódese consultar aquí)

Sobre o estudo cómpre facer as seguintes matizacións:

– En primeiro lugar que se refire á teórica aplicación dunha RB circunscrita ao territorio de Cataluña, por ter datos completos da declaración do IRPF relativos a esa comunidade, que non os hai, ou non os teñen, para o conxunto do estado. En calquera caso, demostrar a viabilidade para esa Comunidade indica, presumibelmente, a viabilidade para calquera outra.

– Estabelecese como condición que a súa implantación non suporía a detracción de ningún outro gasto público pola vía do IRPF. É dicir, o modelo deberá financiar, ademais da propia RB que se propón, todo o que xa se financia actualmente (sanidade, educación… e todas as demais partidas de gasto público, incluído o gasto na Casa Real).

– A contía fíxase en 7.968,00 euros anuais para os maiores de 18 anos e de 1/5 desa cantidade para os menores. A razón é que esa cantidade (equivalente a 664,00 euros (mes), corresponde ao indicador no ano 2010 (ano dos datos do IRPF e que non se modificou nos anos 2011, 12 nin 13) da Renda de suficiencia de Cataluña, o cal fíxase pola Generalitat na Lei de Orzamentos e que debe servir para valorar a situación de necesidade que permite ter dereito a determinadas prestacións.

Basicamente a reforma consistiría en:

a) integración da base do aforro na base xeral, para evitar que as rendas do capital, que no actual IRPF constitúen a base do aforro, sigan tendo un tratamento fiscal moito máis favorable que o resto de rendementos. É unha reforma importante, pois no ano 2010 os tipos marxinais aplicábeis a ambas bases son ben distintos (máis do dobre), gravándose actualmente moito máis as rendas do traballo cás do capital.

b) eliminación de todos os factores que no actual IRPF son considerados correctores de inequidade horizontal: os mínimos persoais, así como a compensación entre rendementos.

d) eliminación de todas as reducións da base, fundamentalmente por plans de pensións e por rendementos do traballo e de todas as deducións da cota, fundamentalmente vivenda e incentivos .

e) tipo único combinado coa transferencia de RB. O tipo, feitos os cálculos correspondentes, sae no 49,57%

f) considérase que a recadación do IRPF queda integramente en Cataluña (aclaran, para evitar polémicas, que esta proposta faise agora dende o punto de vista exclusivamente técnico, para poder facer o estudio).

– Cómpre puntualizar que os tipos impositivos únicos adoitan ter a cualificación de regresivos. En ausencia dunha RB, sen dúbida sono. Pero calquera que estea familiarizado co IRPF, pode entender que un tipo único, se se combina cunha RB, non soamente é fiscalmente progresivo, senón altisimamente progresivo.

O resume do traballo estabelece que:

– A gran maioría da poboación declarante actual no IRPF e non declarante resultaría gañadora respecto da situación actual. Soamente unha porcentaxe que oscilaría entre o 10 e o 15% da poboación máis rica sairía perdendo coa reforma proposta. Unha porcentaxe similar quedaría nunha situación parecida á actual, dependendo, está claro, da situación dos seus respectivos fogares, e entre un 70 e un 80% da poboación situada nos niveis inferiores de renda dos outros dous grupos sairía gañando coa reforma. Dito con outras palabras: produciríase unha gran redistribución da renda dos sectores máis ricos ao resto da poboación. É dicir, o contrario do que se produciu ao longo das últimas décadas, especialmente nos últimos anos. De feito o índice de Gini en Cataluña pasaría de ser un dos maiores valores de Europa a pórse ao nivel de Noruega, o país europeo que presenta a menor desigualdade.

– Outra información que se desprende do IRPF declarado de 2010 é a fraude fiscal que se intúe (digamos que os autores do estudio, catedráticos de universidade comprobaron que estaban entre o 95% dos máis ricos de Cataluña, e na parte alta dese 95%). Resolver esta fraude escandalosa é unha condición necesaria para poder aplicar a RB sen que o seu financiamento recaia outra vez sobre os traballadores e a clase media. Argüirase que neste momento de globalización e paraísos fiscais isto é imposíbel, pero se non conseguimos acabar coa fraude fiscal, que saída da crise pode haber, con ou sen RB?. Seguiriamos a “resolver” a crise financeira dos banqueiros os traballadores e parados como ata agora, manténdose a escandalosa redistribución da renda que se está dando, dende a maioría ata minoría que máis ten.

Finalmente indicar que este traballo (recentemente ampliado con outro, realizado a petición da Comunidade foral de Gipuzkoa, na que, en condicións semellantes, saíu un tipo único algo máis baixo, o 40,52%), estabelece unicamente a viabilidade de aplicar unha RB. A política fiscal concreta a aplicar é motivo de debate entre os partidarios da RB (IRPF, IVE, Taxa Tobin, Imposto sobre a Terra…), que sería longo de máis comentar neste momento.

6.- Algúns efectos previsíbeis da RB.

Finalmente quería indicar algunhas consecuencias que tería unha RB, nalgúns sectores:

-Relacións laborais: As relacións laborais na historia recente da humanidade están ligadas ao seu carácter de medio de supervivencia dos traballadores. Isto obriga a regular ese mercado. A RB ao desligar o concepto de traballo e o de supervivencia, producirá un desregularización do mesmo, convertendo o traballo asalariado nunha mercancía máis (de aí a necesidade de que a RB sexa suficiente como falamos antes). Como efectos podemos mencionar: a) Algúns traballos hoxe mal pagados van sufrir previsiblemente unha revalorización (recolledores de cans mortos por atropelo, por exemplo). b) Aumentarán previsiblemente os traballos a tempo parcial ou temporais. c) Aumentarán os incentivos para a aparición de novos autónomos, ao diminuír o risco. d) Rematará a chantaxe do emprego contra poboacións enteiras (Eurovegas, Corcoesto, cemiterios nucleares). e) Maior peso dos sindicatos como organizacións de negociación e presión (caixas de resistencia).

-Crecemento: Unha característica do século XX, vixente aínda hoxe, en día baséase na necesidade de manter o pleno emprego aplicando un crecemento continuo (medido como PIB), desprezando ou descoñecendo os seus límites (Contaminación (incluído o cambio climático), escaseza de materiais (petróleo e outros) ou a necesiade de producir por producir (obsolencia programada, plans “renove”)). A necesaria adaptación da economía a este decrecemento previsiblemente traerá máis paro que emprego. A RB maniféstase un aliado para realizar este cambio ineludíbel.

-Educación: Rematará, ou cando menos diminuirá, a presión social contra o sistema educativo para que forme traballadores (licenciados, profesionais, técnicos…) co que poderá volver a súa razón de ser, formar persoas (que tamén serán posíbeis traballadores). Os itinerarios serían máis vocacionais.

-Mocidade: Ao tratarse dunha RB individual favorecería a autonomía dos mozos que aínda hoxe son en gran medida dependentes.

-Feminismo: Igual que no caso da mocidade para aquelas mulleres que seguen a ser dependentes. Hai quen avisa da posibilidade de que, pola supervivencia de ideoloxías machistas, se utilice a RB para volver a pechar as mulleres no fogar (o seu soldo “non sería tan necesario” e elas son máis “indicadas” para coidar aos fillos, os maiores ou, simplemente, a casa). Pola contra coido que a RB, dará a muller en situación de dependencia unha saída que, sen ela, é ben menos doada.

-Caridade-Xustiza-Pobreza: A caridade, en tanto que tal, desaparecería. (Manteríase, obviamente, a solidariedade ante situacións de necesidade, cando fose necesario).

-Delincuencia: Desaparecería a relacionada coa miseria e a pobreza. (que é unha boa porcentaxe).

-Avances tecnolóxicos e ciencia: A nova situación facilitaría os avances tecnolóxicos ao evitarse o freo que supón actualmente o medo a perda de postos de traballo. (Lembremos os casos da carne sintética (cunha inmediata reacción negativa do sector gandeiro) ou a reacción ao anuncio de Amazón do reparto aéreo por drones (octopter).

-Cultura, deportes, ciencia. Derivado dun maior tempo e de máis xente que pode adicarse a elas, ao non estar presionadas pola necesidade acuciante de un traballo.

-Explotación: Será máis difícil a explotación: Traballo escravo, infantil, prostitución.